Rap de Rosalía de Castro

🎤 Día de Rosalía de Castro As alumnas de 4º sorprenderon hoxe cun rap moi especial inspirado en Rosalía de Castro. Con moito ritmo e creatividade, adaptaron os seus versos e déronlle un toque moderno á súa poesía. Unha forma diferente e moi orixinal de achegarse á súa obra 🎶📖

Día de Rosalía de Castro

🌹 Día de Rosalía de Castro Hoxe celebramos o Día de Rosalía de Castro cunha actividade moi especial. O alumnado participou lendo poemas desta autora tan importante da nosa literatura. Foi un momento sinxelo e bonito, no que puidemos escoitar diferentes voces dando vida aos seus versos. Unha boa maneira de achegarnos á poesía e lembrar a Rosalía 📖 Julio, 5ºB Aroa, 5º A Celia, 4º Òscar, 4º

Club de lectura 5º B

Un novo día de debate literario no cole 📚💬 Outro día máis, o alumnado de 5º B volveu xuntarse para falar do libro Plan de rescate de Antía Yáñez. Nesta ocasión comentamos escenas que nos pareceron máis sorprendentes e debatemos sobre as decisións que toman os personaxes ao longo da historia. Non faltaron as opinións diferentes, algunha que outra teoría curiosa e moitas ganas de participar. Cada intervención achegou unha nova maneira de entender o libro. Foi unha sesión moi amena na que, ademais de ler, aprendemos que escoitar as ideas dos demais tamén forma parte da aventura da lectura. 📖✨

Club de lectura 5º A

No Club de Lectura de 5º A as páxinas do libro non se quedan só no papel… ¡dan moito que falar! 📚💬 Nun dos nosos encontros tocou poñer as ideas enriba da mesa e comentar diferentes momentos da lectura. Algunhas opinións coincidían, outras eran totalmente distintas… e iso fixo que a conversa fose aínda máis interesante. Falamos das personaxes, das decisións que toman e tamén do que fariamos nós se estivésemos na súa situación. Quedou claro que cada lector e lectora ve a historia dun xeito diferente, e iso fai que o club de lectura sexa un lugar cheo de boas reflexións. 🤔 A historia continúa e seguro que nas próximas reunións aparecerán novas preguntas, novas ideas e moitas máis conversas lectoras. Seguide atentos ao blog! 👀

13 FEBREIRO. DÍA MUNDIAL DA RADIO 25/26

Este ano PONTE NA RADIO únese ás radios escolares do Mundo a través da rede de Radio Espora, PARA COMEMORAR o Día Mundial da Radio. O alumnado de 5ºB gravou un microteatro radiofónico sobre un acontecemento fantástico ocorrido  no noso cole. Premede no enlace para escoitar e ler sobre a nosa participación neste día tan espoecial para a nosa radio escolar.






OBRADOIRO RADIO NA BIBLIO 25/26

 Boas rapazada,

Esta semana o alumnado de 5ª de Educación Primaria desfrutou dun estupendo Obradoiro de Radio da man de Damián Alonso de PON ( Ponte Nas Ondas), que xa é un vello coñecido porque leva acompañándonos xa un tempiño nas nosas andainas polo mundo da radio.

Este ano, traballamos toda a mañá. Falamos  da variedade de programas que podemos facer na radio escolar, traballamos a dicción, eleximos e escribimos o guión do noso programa por parellas e, finalmente, gravamos un super programa.

Aquí vos deixamos unha mostra do traballo realizado e o programa de radio para que vexades que artistas e canto saben estos rapaces.



DÍA DA PAZ E DA NON VIOLENCIA 25/26: O CAMIÑO DA PAZ

Este ano celebramos Día da Paz e Non Violencia coa actividade: 

O Camiño da Paz

Unha actividade simbólica e participativa para todo o centro, que relaciona os valores da paz e da non violencia co Camiño de Santiago (PDI) como espazo de encontro, diversidade e colaboración.

Obxectivos

- Reflexionar sobre a paz como un camiño que se constrúe día a día.

- Coñecer o Camiño de Santiago como símbolo de encontro entre culturas.

- Fomentar valores como o respecto, a empatía, a solidariedade e o diálogo.

- Implicar a todo o alumnado nunha acción común pola paz.

Desenvolvemento da actividade

Nas aulas falamos sobre que a PAZ e como se constrúe, achegándonos a idea clave: A Paz é un camiño que se constrúe paso  a paso, igual que o Camiño de Santiago.

Na biblioteca ofrecemos unha recompilación de contos e textos para introducir ou traballar o tema da PAZ na aula. 



 



No cole creamos  un Camiño da Paz  con frechas, pegadas  simbólicas nas que escribimos palabras ou frases que recolleron as reflexións que fixemos nas aulas:




Cada nena/ o fixo unha Vieira da Paz con compromisos persoais para  portar o 30 de xaneiro no que tiñamos previsto formar todas/os o símbolo da paz no patio. Esta actividade non se puido levar a cabo debido ao mal tempo que nos acompañou durante todo o mes de xaneiro.


Este é o noso  MANIFESTO POLO DÍA DA PAZ 

Camiñamos xuntos pola Paz”


Hoxe, 30 de xaneiro,

reunímonos como comunidade educativa

para lembrar algo moi importante:

a paz é un dereito de todas as persoas

e tamén unha responsabilidade de todas e todos.


No mundo no que vivimos

hai nenas e nenos que non poden ir á escola,

que escoitan ruídos de bombas en vez de risas,

que teñen que abandonar as súas casas

por mor das guerras.


Pensamos hoxe nas persoas que sofren

os conflitos que vemos nas noticias:

en Palestina, en Ucraína, …

e noutros lugares do mundo

onde a violencia fai dano

especialmente aos máis pequenos.


Desde o CEIP A PONTE queremos dicir ben alto

que ningunha guerra é xusta,

que a violencia nunca é o camiño,

e que a PAZ comeza

co respecto, coa escoita

e coa colaboración entre os pobos.


Este ano falamos da PAZ

como un camiño,

igual que o Camiño de Santiago:

un camiño no que persoas diferentes

comparten pasos, axudan cando alguén cae

e avanzan xuntas cara a unha mesma meta.


No Camiño apréndese

que ninguén chega só,

que todas as persoas importan

e que a diversidade é unha riqueza.


Por iso hoxe comprometémonos a: 

- Resolver os conflitos falando e non pegando.

- Respectar a quen pensa ou sente diferente.

- Axudar a quen o necesita.

- Coidar as palabras e os xestos.

- Ser construtores e construtoras de paz no día a día,

...


Porque a PAZ mundial comeza nas pequenas accións:

nunha aula, nun patio, nunha amizade.


Desde aquí enviamos unha mensaxe ao mundo enteiro:

queremos camiñar polo camiño da colaboración mundial,

onde os países dialoguen,

onde os pobos se respecten

e onde todos os nenos e nenas

poidan vivir sen medo.


Hoxe, como no Camiño de Santiago,

camiñamos xuntos e xuntas pola PAZ.

Paso a paso.

Man con man.

Ata que a PAZ chegue a todos os recunchos do mundo.


Feliz Día da Paz a todas e todos!!!

ENTROIDO NO CAMIÑO 25/26

 Boas rapazada!

Xa chega o Entroido e

 o Meco comeza a mandar! 

Como este ano  "O  Camiño"

estamos a traballar!

Unha capa, unha cuncha,

unha mochila ... buscarás

e imaxinando e fedellando

o teu disfraz farás.


Feliz Entroido!!!

Conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N) 💜

No cole tivemos unha sorpresa moi especial! 🎙️✨ Un grupo de alumnas de quinto convertéronse por un día en auténticas xornalistas e artistas da radio. Con motivo do 25N, prepararon unha pequena entrevista na que falaron sobre a importancia de respectarnos, tratarnos ben e dicir non á violencia. Pero iso non foi todo… porque tamén nos regalaron algo moi especial: unha canción chea de forza e mensaxe que cantaron na radio para que todo o mundo a puidese escoitar. 🎶💜 Fixérono xenial: con nervios, ilusión e moitas ganas de que a súa voz chegase moi lonxe. Estamos moi orgullosos delas! Agora convidámosvos a escoitar o audio e descubrir como soan estas estrelas da radio de quinto. Preparados? Dádelle ao play! ▶️