Blog da Biblioteca do C.E.I.P. A Ponte de Lugo

Isaac Díaz Pardo

O día 5 de xaneiro de 2012, morre en Santiago de Compostela Isaac Díaz Pardo, intelectual galeguista, pintor, ceramista, diseñador, editor e empresario. Participou activamente na campaña a favor do Estatuto de autonomía. A súa educación estivo marcada polo contacto con Castelao, Cabanillas, Ramón e Antón Vilar Ponte e Vicente Risco entre outros intelectuais galegos. Viviu no exilio e á súa volta xunto con Luis Seoane fundou o laboratorio de formas de Sagadelos, unha das grandes empresas culturais da Galicia contemporánea. Deixanos un importante legado que tivo sempre como obxectivo a loita por Galicia e o recoñecemento da súa propia identidade cultural.

Calendario 2012

TRASNOS, é o título do calendario elaborado polo alumnado dos centros pertenecentes ao Colectivo Estiño do que forma parte o noso colexio. A mitoloxía galega é o tema escollido este ano, para traballar e investigar desde a escola, sobre esta temática da cultura galega, producto da oralidade e das lendas dos nosos devanceiros, co obxectivo de que os rapaces e as rapazas dos nosos centros aprendan e coñezan os distintos persoaxes imaxinarios que habitan nos castros, nos pazos, nas silveiras, nos ríos….creados para explicar o universo, a orixe do mundo os fenómenos naturais ou calquera outra cousa para a que non houbera explicación simple.

Así quedou o traballo conxunto.


Guía lectura - Nadal 2011

Como todos os anos, elaboramos a guía de lectura, para orientar a pais, nais e a toda a comunidade educativa na selección de libros de lectura para agasallar no Nadal.

Centenario de Álvaro Cunqueiro

No 2011 celébrase o centenario do seu nacemento.

Hai cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro, un dos máis grandes escritores en lingua galega. Aproveitamos a ocasión para achegarnos á súa vida e obra con esta guía que elaboramos desde a biblioteca.

MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA” (O soño de Cunqueiro)

10 DE DECEMBRO: Día dos Dereitos Humanos

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


Actividades LIM sobre o apalpador

Recordando a figura mítica, propia do Nadal galego, O APALPADOR e para non esquecer as nosas tradicións, poñemos para toda a comunidade educativa, dúas actividades LIM sobre este personaxe

Unha para Primaria elaborada polo ENDL do Barbanza, pincha aquí

Outra para INFANTIL, elaborada polo equipo de Biblioteca do CEIP de Arzúa. pincha aquí

Video musical: "A lingua sabe a pan"


Lipdub realizado polo CPI “ Virxe da Saleta” de Cea, sobre unha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, popularizada por Siniestro Total como “Miña Terra Galega”. Sobre unha idea de Álvaro Cunqueiro naceu a letra de “A lingua sabe a pan”. Contou coa participación do alumnado do CPI e dos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln.

Bibliotecas escolares galegas

Este vídeo mostra as imaxes da distribución de espazos dalgunhas bibliotecas galegas, integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escoalres de Galicia e que se presentou no Congreso de “Bibliotecas Escolares en Tránsito" celebrado en Santiago de Compostela os días 10,11,12 de novembro de 2011, organizado pola Consellería de Educación en colaboración co Ministerio de educación

.

Magosto 2011

O equipo de Biblioteca do centro elaborou unha guía onde se recollen as orixes da celebración do magosto e unha selección de refráns aportados polo alumnado do centro.

O noso samaín

O alumnado do terceiro ciclo de primaria conta contos de medo na biblioteca aos máis pequenos/as. Vemos a un grupo de alumnas contando o conto “O Papón” despois aprendimos e cantamos a canción.

Na biblioteca fixemos unha exposición de libros de medo e de terror e outros relacionados con esta tradición de orixe celta que convive coa celebración do Halloween.




O PAPÓN