Blog da Biblioteca do C.E.I.P. A Ponte de Lugo

MANUEL MARÍA E A PAZ


O día 30 de xaneiro, celebramos o día escolar da NON VIOLENCIA E A PAZ, que conmemora a morte de Mahatma Gandhi en 1948, con tal motivo, aproveitamos para traballar de forma intensiva contidos propios da cultura da paz.
Para empezar  queremos reflexionar sobre a PAZ nun poema de Manuel María, do seu libro "Sonetos á casa das Hortas".
Aproveitamos as diferentes festividades para visualizar a ampla temática da súa obra, dado o traballo de investigación que viñemos realizando sobre a súa figura ao longo do primeiro trimestre, con motivo de ser o autor homenaxeado no día das letras galegas no 2016. 


Os meus antergos non foron violentos
e nunca houbo na casa armas de fogo.
Endexamais un Hortas, nin por xogo,
chegou a utilizar tales inventos...

Que a miña xente tivo a valentía
de gastar a súa vida traballando:
arando, recorrendo, sementando,
facendo un campo fértil da campía.

Tampouco houbo nos Hortas cazadores
pois, seguindo unha vella tradición,
foron, unicamente, labradores...

Traballaron con amor, fe e paixón:
fertilizaron o chao cos seus suores
e morreron coa paz no corazón...!

Manuel María
"Sonetos á Casa das Hortas"




PACO NOGUEIRAS RECITANDO, CANTANDO E CONTANDO

Paco Nogueiras, moi coñecido no noso centro polo seu traballo discográfico "VRINCA VAI" ademais de recitar e cantar os poemas de Xosé Neira Vilas como vimos no vídeo anterior, tamén contou contos, contos fantásticos, solidarios e moi divertidos: "Despois da chuvia" de Miguel Cerro, "Imos cazar un oso" de Michael Rossen e "O pito cairo" de Marisa Níñez.






.

PACO NOGUEIRAS NA BIBLIOTECA

Paco Nogueiras, estivo na nosa biblioteca cantando e contando contos, pero tamén recitando. Neste vídeo podemos velo, primeiro recitando o poema de XOSÉ NEIRA VILAS "Soñei con Tuturutú" e despois cantando e tocando co seu ukelele o arranxo musical que fixo  para iste bonito poema.





BO NADAL 2015

Con este poema de Nadal de Manuel María (autor ao que se lle vai dedicar o día das letras galegas  no 2016) aproveitamos para desexar a todo o mundo un Bo Nadal

Agora é o tempo de Nadal.

Agora é o tempo de poñer
en pé o noso amor
e procurar a Estrela
que nos alume sempre o corazón

Agora é tempo de Nadal.
O tempo da neve
e máis o da canción.

¡Agora é o tempo
de acender para sempre o noso amor!

Manuel María








RECOMENDACIÓNS LECTORAS. NADAL 2015


PANXOLIÑAS POLO NADAL

É tempo de Nadal e de cantar panxoliñas. Os nenos e nenas do CEIP "A Ponte" de Lugo cantan, tocan instrumentos recitan e disfrutan xuntos

O APALPADOR NA BIBLIOTECA E NO COLE

Moito antes de que Papá Noel viñese importado desde outras latitudes, en Galiza tamén había unha figura mítica propia do Nadal: O Apalpador. Para visualizar e divulgar a súa figura, chega ao noso centro o tan divertido personaxe, para amenizar, contar contos, para recomendar lecturas, para cantar e para aprender. Esperamos que vos guste.


O APALPADOR



Este ano o Apalpador chega á biblioteca con ánimo de contar contos "Os contos do padriño". Este personaxe tan entrañable que baixa das montañas do Cebreiro cun saco cheo de castañas, tamén trae moitas historias que contar. Os nenos e nenas investigan e traballan sobre esta mítica figura que baixa a noite do 24 de decembro para apalparlles as barrigas aos máis pequenos e pequenas das casas e comprobar se comeron ben durante todo o ano, para deixarlles castañas ou algún  xoguete artesanal e desexandolles que teñan un ano cheo de felicidade e de comida. Dende a biblioteca queremos divulgar a súa figura.