APRENDER A PENSAR COA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema escollido para o cartel que ambientará e dará base ao traballo a realizar en todas as bilbiotecas escolares galegas para este curso que acaba de comenzar 2017/2018. Foi realizado por XOSÉ TOMÁS, ilustrador e profesor.
Unha biblioteca escolar actualizada no seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións.
Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas.
Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos para desenvolver o pensamento complexo.
A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro, para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais e sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir.
0 comments:
Publicar un comentario