Blog da Biblioteca do C.E.I.P. A Ponte de Lugo

BO NADAL 2015

Con este poema de Nadal de Manuel María (autor ao que se lle vai dedicar o día das letras galegas  no 2016) aproveitamos para desexar a todo o mundo un Bo Nadal

Agora é o tempo de Nadal.

Agora é o tempo de poñer
en pé o noso amor
e procurar a Estrela
que nos alume sempre o corazón

Agora é tempo de Nadal.
O tempo da neve
e máis o da canción.

¡Agora é o tempo
de acender para sempre o noso amor!

Manuel María








RECOMENDACIÓNS LECTORAS. NADAL 2015


PANXOLIÑAS POLO NADAL

É tempo de Nadal e de cantar panxoliñas. Os nenos e nenas do CEIP "A Ponte" de Lugo cantan, tocan instrumentos recitan e disfrutan xuntos

O APALPADOR NA BIBLIOTECA E NO COLE

Moito antes de que Papá Noel viñese importado desde outras latitudes, en Galiza tamén había unha figura mítica propia do Nadal: O Apalpador. Para visualizar e divulgar a súa figura, chega ao noso centro o tan divertido personaxe, para amenizar, contar contos, para recomendar lecturas, para cantar e para aprender. Esperamos que vos guste.


O APALPADOR



Este ano o Apalpador chega á biblioteca con ánimo de contar contos "Os contos do padriño". Este personaxe tan entrañable que baixa das montañas do Cebreiro cun saco cheo de castañas, tamén trae moitas historias que contar. Os nenos e nenas investigan e traballan sobre esta mítica figura que baixa a noite do 24 de decembro para apalparlles as barrigas aos máis pequenos e pequenas das casas e comprobar se comeron ben durante todo o ano, para deixarlles castañas ou algún  xoguete artesanal e desexandolles que teñan un ano cheo de felicidade e de comida. Dende a biblioteca queremos divulgar a súa figura. 




CALENDARIO MANUEL MARÍA

Xa está no centro o calendario do colectivo Estiño, dedicado  este ano a MANUEL MARÍA, que será homenaxeado no día das letras galegas en 2016. Naceu en Outeiro de Rei, Lugo. Escritor comprometido  con Galiza e co tempo que lle tocou vivir. Cultivou todos os xéneros: narrativa, teatro, ensaio, xornalismo, e sobre todo, POESÍA. Manuel María identifica o idioma galego como sinal de identidade dos galegos, loitando por normalizar a situación do noso idioma. Escribiu dous libros para nenos e nenas: "Os soños na gaiola" e "As rúas do vento ceibe". Para a elaboración do calendario traballamos con poemas dos dous libros


NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Co obxectivo de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer investigación e divulgación científica, e polo tanto, tamén para o ensino das diversas disciplinas científicas, celebramos o mes de novembro como mes da ciencia en galego. Con este motivo a Institución galega da ciencia, este ano, propón catro científicos para dedicarlle o día da ciencia en galego, dous extranxeiros: Christian Huygens e Max Planck e dous galegos: Carlos Gómez-Reino Carnota e Isidro Parga Pondal.
Desde a nosa biblioteca propoñemos a investigación e traballos sobre a obra destes catro científicos

Resultado de imagen de novembro mes da ciencia en galego


MAGOSTO

Seguimos con poesía, neste caso, traballamos de xeito colectivo co alunado de 3º curso, con motivo da celebración do magosto no centro

                  Aquí está o outono 
                  que chegou caladiño
                  con moito segredo
                  e moi paseniño.

                  Cheo de castañas está
                  o noso castiñeiro,
                  o vento sopra, sopra
                  todas caen no río

                  Chegou o magosto
                  e comemos castañas
                  crúas e cocidas
                  e tamén asadas
         







OUTONO

                  
Traballando poesía de xeito colectivo co alumnado de 2º curso

                    Folliñas secas
                    vento e frío
                    castañas, castañas,
                    moitas caen no río

                    Folliñas secas
                    que veñen e van,
                    vermellas, amarelas,
                    collidas da man

                    Folliñas secas
                    castañas e ourizos
                    o outono chega
                    con moito feitizo


EXPOSICIÓN "MULLERES PROTAGONISTAS DO DESENVOLVEMENTO"

O noso centro acolle esta semana a exposición  "MULLERES PROTAGONISTAS DO DESENVOLVEMENTO" Trátase de catro paneis que veñen acompañados de material didáctico para traballar, reflexionar e afondar na igualdade da muller e a súa independenza, cos nenos e nenas de Infantil e Primaria. Nos paneis aparecen reportaxes de proxectos de cooperación con mulleres en África. Con esta exposición preténdese promover a igualdade de xénero e a autonomía da muller, dando a coñecer a realidade da muller en diferentes ámbitos: equidade, economía, saúde e educación. Nesta mostra toman como exemplo a muller africana, elección motivada pola gravidade e vulnerabilidade da súa situación.