Con motivo da celebración do día da árbore o día 21 de marzo, na nosa biblioteca, presentamos o libro titulado INVENTARIO ILUSTRADO DAS ÁRBORES escrito por Virgine Aladjidi, ilustrado por Emmanuele Tchomkriel, traducido por Fernando Moreiras e publicado por Faktoria K de libros, co obxectivo de sensibilizar ao alumnado da importancia de valorar, respectar e coidar o valioso patrimonio natural. O libro presenta preto de 60 especies arbóreas onde se detalla o nome científico de cada planta a altura e a lonxevidade que cada unha pode acadar, acompañado de debuxos de flores, froitos e os animais que as frecuentan. As ilustracións son de estilo científico, feitas con rotulador, tinta chinesa e acuarelas, como facían os naturalistas de antano. Un libro que ademais do contido técnico, tamén incide na función ecolóxica dos bosques.
Blog da Biblioteca do C.E.I.P. A Ponte de Lugo
NICOMEDES O PELADO
Iria de 3º, conta en voz alta aos máis pequenos o conto de Pinto e Chinto "NICOMEDES O PELADO" editado por Kalandraka. Unha historia para primeiros lectores, sinxela e divertida con ilustracións atractivas que chegan de xeito natural e directo como se fora un xogo. Nicomedes ten unha espléndida melena que pouco a pouco desaparece e a súa cabeza aparece pelada. Entón, empeza a enxeñar insólitas alternativas á súa prematura calvicie. Ao final o importante é sentirse a gusto con un mesmo.
A COELLIÑA MARCELA
"A COELLIÑA MARCELA" foi o conto elixido para celebrar O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER. Mirella e Nuria foron as encargadas de lelo aos máis pequeniños do cole. Este bonito conto sobre a igualdade con texto de Esther Tusquets e ilustracións de María Hergueta, recórdanos que a sociedade componse de diferentes razas e que todas elas son iguais
DÍA DA MULLER
Para celebrar o día 8 de marzo, "DÍA INTERNACIONAL DA MULLER" escollemos o libro da editroial Kalandraka titulado "A COELLIÑA MARCELA" escrito por Esther Tusquets, ilustrado por María Hergueta e traducido por Xosé Ballesteros, para ser lido na biblioteca a todo o alumnado de Infantil e Primaria. É unha fábula que aborda cuestións como a educación en igualdade, o respecto polas diferenzas, a tolerancia e a convivencia entre culturas, razas e crenzas. A súa protagonista é rebelde, ousada e nada convencional, rexeita as inxustizas e procura a felicidade, fiel aos seus ideais.
ENTROIDO
Neste mes de febreiro de 2014, celebramos un Entroido moi terrorífico. Todo o alumnado disfrázase con moito humor, de fantasmas, esqueletos, bruxas, zombis, ogros....para dar moooooito meeeedo. Tamén escriben coplas, neste caso Alex e Sabela de 3º e Clara e Manu de 4º len varias das copliñas realizadas que nos contan diversos aspectos do noso Entroido escolar
HOMENAXE A ROSALÍA DE CASTRO
Hoxe día 24 de febreiro, organizamos na biblioteca do centro, un acto en homenaxe a Rosalía de Castro, coincidindo coa celebración do 177 aniversario do seu nacemento, no que alumnado de todos os cursos leron poemas das súas obras "Cantares Gallegos" e "Follas Novas" onde a voz da escritora captura todo aquelo que é digno de ser cantado.
RECITANDO A ROSALÍA DE CASTRO
Entres as actividades realizadas en torno á figura de Rosalía para difundir a súa obra e o compromiso vital da escritora galega, o alumnado do centro recitou poemas dunha das súas obras máis coñecidas: "Cantares Gallegos".
DÍA 24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO
Yéssica, le o resultado do traballo realizado sobre a vida e obra de Rosalía de Castro, figura emblemática do Rexurdimento galego e considerada a precursora da poesía moderna. Coa súa obra, a autora deulle prestixio ao galego como lingua literaria e reivindicou o seu uso, nunha época na que o galego era desprezado.
NEGRA SOMBRA
Para celebrar o día de Rosalía, o 24 de febreiro, Sabela Toirán recita o poema "NEGRA SOMBRA" de Rosalía de Castro, incluido no seu libro "Follas Novas", publicado en galego en 1880. É un dos poemas máis fermosos da literatura galega que afonda nos sentimentos e na saudade con extraordinaria sensibilidade. Foi musicalizado por Xoán Montes Capón, que creou unha melodía que intensifica notablemente o sentimento expresado no poema, creando un dos máis fermosos cantos da música popular galega.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)