Presentamos o PDI, Proxecto Documental Integrado, que imos desenvolver este curso 24/25:
O RÍO MIÑO, O NOSO VECIÑO
O noso colexio está situado á beiriña do Río Miño. A súa auga acaricia suavemente o noso centro e é testemuña da vida e das historias que cada curso transcorren aquí. Pero o propio río tamén está cheo de vida e de historia, só temos que asomarnos un pouquiño para atoparnos coas familias de parrulos, ca nosa veciña a garza que sempre nos saúda ao cruzar a Ponte Vella ou coas lontras que asoman a súa cabeciña, de cando en vez, mentres nadan veloces cara ao Balneario que acolle no seu interior As Termas Romanas.
Este curso, en Biblioponte, queremos animarvos a coñecer ao noso veciño, O Río Miño, que aínda que está aquí, ao ladiño, poucas veces imos parolar con el, preguntarlle como está de saúde, cantas especies diferentes de árbores viven ao seu carón ou se os moitos animaliños que habitan nas súas augas ou entre as súas pedras se portan ben con el.
Por iso, queremos que fagades esta actividade na aula para saber que sabede sobre o noso veciño e que máis cousas queredes saber:
OBXECTIVOS:
- Lograr sensibilizar as nenas e nenos sobre do valor dos nosos ríos.
- Concienciar ao alumnado do dano que se pode causar ao tirar lixo e plástico na natureza.
- Fomentar e promover o contacto directo dos nenos e nenas coa súa contorna.
- Aumentar os coñecementos sobre as diferentes especies de fauna e flora dos ecosistemas fluviais máis cercanos.
- Fomentar o interese e curiosidade polas cuestións que afectan á protección do medio ambiente e desenvolver actitudes de respecto cara a este.
- Saber incorporar a información que procede da súa propia experiencia.
- Utilizar e ler as distintas linguaxes textuais e gráficas
- Expresarse de forma oral, escrita e gráfica sobre os temas expostos
- Iniciarse na utilización das tecnoloxías da información e da comunicación e no desenvolvemento do espírito crítico.
- Favorecer o intercambio de experiencias e opinións.
- Fomentar o compañeirismo e o respecto mutuo.