Blog da Biblioteca do C.E.I.P. A Ponte de Lugo

Guía lectura - Nadal 2011

Como todos os anos, elaboramos a guía de lectura, para orientar a pais, nais e a toda a comunidade educativa na selección de libros de lectura para agasallar no Nadal.

Centenario de Álvaro Cunqueiro

No 2011 celébrase o centenario do seu nacemento.

Hai cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro, un dos máis grandes escritores en lingua galega. Aproveitamos a ocasión para achegarnos á súa vida e obra con esta guía que elaboramos desde a biblioteca.

MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA” (O soño de Cunqueiro)

10 DE DECEMBRO: Día dos Dereitos Humanos

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


Actividades LIM sobre o apalpador

Recordando a figura mítica, propia do Nadal galego, O APALPADOR e para non esquecer as nosas tradicións, poñemos para toda a comunidade educativa, dúas actividades LIM sobre este personaxe

Unha para Primaria elaborada polo ENDL do Barbanza, pincha aquí

Outra para INFANTIL, elaborada polo equipo de Biblioteca do CEIP de Arzúa. pincha aquí

Video musical: "A lingua sabe a pan"


Lipdub realizado polo CPI “ Virxe da Saleta” de Cea, sobre unha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, popularizada por Siniestro Total como “Miña Terra Galega”. Sobre unha idea de Álvaro Cunqueiro naceu a letra de “A lingua sabe a pan”. Contou coa participación do alumnado do CPI e dos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln.

Bibliotecas escolares galegas

Este vídeo mostra as imaxes da distribución de espazos dalgunhas bibliotecas galegas, integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escoalres de Galicia e que se presentou no Congreso de “Bibliotecas Escolares en Tránsito" celebrado en Santiago de Compostela os días 10,11,12 de novembro de 2011, organizado pola Consellería de Educación en colaboración co Ministerio de educación

.

Magosto 2011

O equipo de Biblioteca do centro elaborou unha guía onde se recollen as orixes da celebración do magosto e unha selección de refráns aportados polo alumnado do centro.

O noso samaín

O alumnado do terceiro ciclo de primaria conta contos de medo na biblioteca aos máis pequenos/as. Vemos a un grupo de alumnas contando o conto “O Papón” despois aprendimos e cantamos a canción.

Na biblioteca fixemos unha exposición de libros de medo e de terror e outros relacionados con esta tradición de orixe celta que convive coa celebración do Halloween.




O PAPÓN

24 de outubro - Día das Bibliotecas Escolares

Coa celebración deste día, preténdese destacar a importancia das Bibliotecas como lugares de encontro coa cultura, como ferramentas de formación e espazos para a convivencia e o aprendizaxe.

A Consellería de educación, editou un cartel co lema: “Biblioteca escolar última xeración” ilustrado por Emma Ríos, ilustradora galega, querendo mostrar a importancia da integración dos distintos soportes e formatos.

O equipo de biblioteca do centro editou un folleto para distribuir entre a comunidade educativa, onde aparece un texto de Agustín Fernández Paz, ensalzando as bibliotecas e a súa importante función.

O vídeo foi elaborado polo equipo da biblioteca Canistrel do Ceip Curros Enriquez de Celanova, sobre o libro de Pepe Carreiro, titulado “Os bolechas queren saber….como é unha biblioteca”


Elaborado polo Equipo de Biblioteca de Canistrel

Vida en Senegal

No noso colexio estamos a disfrutar dunha exposición de fotografías do Senegal. O autor delas é "Borxa" (Julio D. Leira Sanmartín), avó de Covadonga e Carlos, os dous alumnos de primaria, e realizounas na súa recente estadía no país africano.

O noso xornal escolar

Contarte

A concellería de Educación do Concello de Lugo en colaboración coa editorial OQO trae á nosa biblioteca unha campaña de animación á lectura e á plástica creativa.

Os alumnos e alumnas de 2º curso leron o título PAXARIÑOS DE LA E FOLLAS SECAS, con él, intentaron dotar a cada obxecto da caixa, de atributos e historias e crear mundos a partir do que nos suxira cada elemento, abondará para descubrir o universo de afectos que enchen “A caixa de recordos”.
Os alumnos e alumnas de 5º leron: HISTORIAS DE CARTÓN, nesta ocasión a través da arte, preténdese axudar a comprender a realidade e construír “visións” e “versións”, tomando como referencia a proposta literaria e plástica do álbum “Caixa de cartón”, achegándonos a unha das realidades máis duras da sociedade actual: a inmigración.

Guía lectura verán 2011

Letras Galegas 2011

Este ano o día das letras galegas está adicado a Lois Pereiro, escritor e poeta nacido en Monforte de Lemos no ano 1958.
Aquí tedes unha actividade Lim elaborada por Mª Esther R. do CEIP Coutada de Beade para coñecer un pouco máis a vida e obra de este especial autor.

Para que a comunidade educativa en xeral poida coñecer mellor e máis a fondo a este singular poeta podemos ver esta presentación en powertpoint feita por Elvira Roiz do IES Concepción Arenal de Ferrol. A súa obra calificada polos críticos de extravagante e excéntrica, a súa poesía dunha intensidade pouco común, os seus conmovedores versos pola verdade do sentimento que transmiten son dunha gran forza expresiva.


Exposición de fotografías de Paula Abelleira
O universo literario de Lois Pereiro, está moi marcado polo seu principal espazo vital e afectivo: Monforte; na súa obra está a súa paisaxe, o seu ambiente o seu ferrocarril………. Con tal motivo nos corredores da entrada ao centro está instalada unha exposición de fotografías artísticas titulada “Monforte e a súa contorna” a autora é a nosa compañeira Paula Abelleira.


Salvando libros
Esta idea xurde dun traballo colaborativo das bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural e escrito. Preténdese difundir a idea de que é imposible destruir os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.

Contacontos

Os alumnos e alumnas de primeiro ciclo de Primaria disfrutaron coas historias e contos de INACIO VILARIÑO, que forman parte do seu espectáculo de narración oral “Burromaquia” en base a contos poemas e cancións que teñen como protagonista e fio conductor ao “Burro da Tía Lola”. INACIO dirixe a compañía de teatro de títeres “Fantoches Baj” e acaba de publicar un libro de teatro para nenos e nenas titulado “Fábula galénica” ilustrado por Óscar Villán na colección "Barriga verde” da editorial Baía.

Caracois

A editorial OQO, presentou no noso centro o seu espectáculo de animación audiovisual producido en Galicia e en galego, coa colaboración da Deputación de Lugo, para os nenos e nenas de catro e cinco anos, titulado CARACOIS. Está baseado en cinco libriños, que previamente se leron nas clases, onde se visualiza o mundo das relacións infantís desde a perspectiva dunhos animaliños de xardín, a súa forma de vida, os seus conflictos, as súas aventuras…, para axudar ao neno e á nena a ver dunha forma inconsciente conductas que comportan valores éticos e ciudadáns fundamentais.

Kamishibai

O Kamishibai é unha forma de contar historias a través dun teatriño que xurdiu no século XII no Xapón. Os nosos alumnos e alumnas de 6º de primaria despois de facer un traballo de investigación para averiguar a súa procedencia e o significado do seu nome, utilizaron este medio para contar contos aos máis pequenos e pequenas desde infantil ata o primeiro ciclo de primaria; e deste xeito desenvolver a súa expresión oral e de dicción así como o gusto por contar historias. Os nenos e nenas quedaron encantados/as e a experiencia dos maiores foi gratificante.

E ti, onde les?

Este ano para celebrar o día do libro, desde a biblioteca organizouse unha actividade onde todo o alumnado e o profesorado tiña que contestar á pregunta E TI, ONDE LES? por escrito dun xeito sinxelo e de forma plástica e máis expresiva nun bonito debuxo, para así, tratar de potenciar o gusto por ler e de fomentar a idea de que calquera lugar é válido para a lectura. Todos participaron con entusiasmo plasmando por medio dun debuxo cal sería a situación ideal para a lectura, así algunos optaron por debuxarse nunha situación real e outros nunha situación imaxinaria. Todos os traballos están expostos na entrada do centro que tamén é a entrada da biblioteca.

O Principiño


A lectura da obra O PRINCIPIÑO de ANTOINE DE SAINT-EXUPÉRY, por parte dos compoñentes do club de lectura de 6º curso de primaria, deu pé á realización de diversas actividades preparatorias para facer unha lectura adecuada do texto así como para presentar dun xeito lúdico o libro ao resto do alumnado e despertar a curiosidade pola obra e o interés por lela no momento adecuado.
1º.- Elaborouse unha guía de lectura como tarxeta de presentación da obra, do seu contexto e do seu autor.
2º.- Fíxose unha exposición, na biblioteca, de distintas edicións do PRINCIPIÑO e en diferentes linguas: galego, castelán, francés, inglés, xaponés e finés, aportados por membros da comunidade educativa así como a última edición especial troquelada e a versión en cómic.
3º Elaborouse un mural alusivo á obra, para ambientar a biblioteca onde aparece unha das mensaxes que aparecen no libro “SÓ SE VE BEN CO CORAZÓN. O ESENCIAL É INVISIBLE PARA OS OLLOS”.
4º.- Visionado da película baseada na obra de Saint-Exupéry, O PRINCIPIÑO.

Encontros PAMBLE 2011

O venres 8 de abril foron os encontros do plan de mellora de bibliotecas escolares de Galica, propios para o intercambio e a reflexión, para ampliar horizontes, coñecementos e refrescar a mente con novas ideas, con ponentes moi interesantes, Mónica Baró e Teresa Mañá, experiencias en torno ao cine e á banda deseñada , unha perfecta organización e con remate moi especial, a cargo de XOSÉ NEIRA VILAS ( autor de “Memorias dun neno labrego” do cal celebramos este ano o 50 aniversario) falando das súas experiencias persoais arredor do libro e da lectura xunto á que foi a súa compañeira e tamén escritora ANISIA MIRANDA.

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

O día internacional do libro celébrase cada 2 de abril, data que coincide co nacemento do autor HANS CHRISTIAN ANDERSEN en 1805. Na nosa biblioteca recordamos a vida e obra do autor facendo unha exposición de todos os seus contos e por parte do alumnado de sexto curso a lectura en alto dun resume da súa biografía e na hora do recreo lectura dos seus contos. Para saber un pouco máis deste coñecido autor, aquí temos un vídeo sobre a súa vida e obra.
Vida, cuentos, actividades sobre HANS CHRISTIAN ANDERSEN

Memorias dun neno labrego

No mes de xaneiro de 2011, “Balbino” o protagonista das MEMORIAS DUN NENO LABREGO de Xosé Neira Vilas, cumpriu 50 anos. Para celebrar o acontecemento a editorial Galaxia acaba de publicar a 31ª edición da novela máis lida da nosa historia, ademais vai dedicada a todos os nenos e nenas que falan galego e está ilustrada por Xaquín Marín. A 1ª edición leva na portada unha ilustración feita por Luis Seoane publicada en Bos Aires no ano 1961.

8 marzo - Día da Muller Traballadora


Entroido 2011


Día de Rosalía de Castro

24 de febreiro, día de Rosalía de Castro. Unha muller que asumiu a defensa e o canto do seu país na súa propia lingua. É un mito das letras e da galeguidade en calquer rincón do mundo. Está enterrada no Panteón de galegos ilustres en Santiago de Compostela. No centenario da publicación de “Cantares Gallegos” a Real Academia Galega consagrou o 17 de maio á celebración do día das letras galegas.
O noso club de lectura tivo unha xuntanza, precisamente ese día para comentar a obra de Rosalía que leron e que forma parte da escolma que editou Kalandraka e que recolle poemas de “Cantares Gallegos” e de “Follas Novas”. Poemas de carácter reivindicativo e de defensa da nosa terra.
Amancio Prada puxo música aos seus poemas. Escoitamos a súa armoniosa voz interpretando “Negra sombra” con música do lucense Xoán Montes.

Abrahan Carreiro - Animación á lectura

O día 3 de marzo estivo no noso centro Abraham Carreiro que ademais de escribir e ilustrar contos, tamén fai ilustracións para a prensa, utilizando nese medio, unha temática política- social. Naceu en Vigo e estudou artes en Pontevedra e Barcelona. Para realizar os seus traballos inspírase no entorno e para iso saca fotografías e toma apuntes do natural. Deunos unha lección práctica, onde observamos o ben e o rápido que debuxa . Tamén nos deu pautas para facer os nosos propios debuxos nunha clase moi amena de onde saíron traballos moi creativos e interesantes.

Actividades da paz


"Wangari e as árbores da paz: unha historia verdadeira"


A traducción ao galego foi feita pola Escola Unitaria de Vide nas Neves.

Día da paz 2011 - guías lectura






Música e paz



Poesía e dereitos humanos

A escritora ourensana, de poesía e prosa poética, CELSA BARJA RODRÍGUEZ, deu no noso centro un recital de poesía. Os seus versos sinxelos e delicados xunto coa súa perfecta dicción e a súa suave e melodiosa voz serviron para sumerxir ao auditorio de rapaces e rapazas do terceiro ciclo nun mundo de sensacións desbordantes, desembocando nun coloquio cheo de curiosidades e preguntas. O tema principal foi a denuncia social, as liberdades e a defensa da infancia maltratada.