Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vaise impulsar a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO do científico Ángel Carracedo, profesor de medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela. Conocido investigador e divulgador científico, Ángel Carracedo ten colaborado coas bibliotecas, tanto públicas como escolares, na difusión dos valores científicos e do acceso ao coñecemento.
A continuación o MANIFESTO de Ángel Carracedo
Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí
cando algún se faga moi rico cos seus achados”.
A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao
contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran
sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba
de todo.
Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O
seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran
ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que
se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar.
Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un
salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si
que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante.
E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número
de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu
traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos.
E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e
da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo
talento do exterior.
Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa
cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo.
Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante,
pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que
aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente
valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o
mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser
máis libres.
E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”,
escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo
voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave
da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a
garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran
dedicarse a ela.
Texto do científico Ángel Carracedo con motivo da celebración do Mes da Ciencia
No hay comentarios:
Publicar un comentario