Blog da Biblioteca do C.E.I.P. A Ponte de Lugo

ANXO MOURE

Hoxe chegou ao noso centro un  "Pescador de contos". ANXO MOURE, o barqueiro do Miño, viña tirando da súa batuxa e a súa cana de pescar contos, prearado para pescar moitos contos, contos que escapan do lixo no río, da contaminación, da seca das lagoas, contos de xacias de barbos de troitas e lampreas...que logo imos cociñalos para que alimenten a nosa imaxinación e a través das nosas palabras poidan volver a nadar nos ríos, nas lagoas e bañarse nas fervenzas
Anxo Moure defende o conto como ferramenta educativa de sensibilización e loita para construír un mundo en harmonia co ecosistema.




DÍA DA POESÍA

Para cecebrar o día internacional da poesía, na nosa biblioteca escribimos e lemos poemas que nos axudan a despertar a mirada poética dos escolares para aprender a mirar o mundo a través dela e aportar beleza e capacidade para analizar as propias emocións ao tempo que as compartimos e potenciamos a creatividade

DÍA DA ÁRBORE

Con motivo da celebración do día da árbore o día 21 de marzo, na nosa biblioteca, presentamos o libro titulado INVENTARIO  ILUSTRADO DAS ÁRBORES escrito por  Virgine Aladjidi, ilustrado por Emmanuele Tchomkriel, traducido por Fernando Moreiras e publicado por Faktoria K de libros, co obxectivo de sensibilizar ao alumnado da importancia de valorar, respectar e coidar o valioso patrimonio natural. O libro presenta preto de 60 especies arbóreas onde se detalla o nome científico de cada planta  a altura e a lonxevidade que cada unha pode acadar, acompañado de debuxos de flores, froitos  e os animais que as frecuentan. As ilustracións son de estilo científico, feitas con rotulador, tinta chinesa e acuarelas, como facían os naturalistas de antano. Un libro que ademais do contido técnico, tamén incide na función ecolóxica dos bosques.

NICOMEDES O PELADO

Iria de 3º, conta en voz alta aos máis pequenos  o conto de Pinto e Chinto "NICOMEDES O PELADO"  editado por Kalandraka. Unha historia para primeiros lectores, sinxela e divertida con ilustracións atractivas que chegan de xeito natural e directo como se fora un xogo. Nicomedes ten unha espléndida melena que pouco a pouco desaparece e a súa cabeza aparece pelada. Entón, empeza a enxeñar insólitas alternativas á súa prematura calvicie. Ao final o importante é sentirse a gusto con un mesmo.





A COELLIÑA MARCELA


"A COELLIÑA MARCELA" foi o conto elixido para celebrar O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER. Mirella e Nuria foron as encargadas de lelo aos máis pequeniños do cole. Este bonito conto sobre a igualdade con texto de Esther Tusquets e ilustracións de María Hergueta, recórdanos que a sociedade componse de diferentes razas e que todas elas son iguais

DÍA DA MULLER



Para celebrar o día 8 de marzo, "DÍA INTERNACIONAL DA MULLER" escollemos o libro da editroial Kalandraka titulado "A COELLIÑA MARCELA" escrito por Esther Tusquets, ilustrado por María Hergueta e traducido por Xosé Ballesteros, para ser lido na biblioteca a todo o alumnado de Infantil e Primaria. É unha fábula que aborda cuestións como a educación en igualdade, o respecto polas diferenzas, a tolerancia e a convivencia entre culturas, razas e crenzas. A súa protagonista é rebelde, ousada e nada convencional, rexeita as inxustizas e procura a felicidade, fiel aos seus ideais.

ENTROIDO



Neste mes de febreiro de 2014, celebramos un Entroido moi terrorífico. Todo o alumnado disfrázase con moito humor, de fantasmas, esqueletos, bruxas, zombis, ogros....para dar moooooito meeeedo. Tamén escriben coplas, neste caso Alex e Sabela de 3º e Clara e Manu de 4º len  varias das copliñas realizadas que nos contan diversos aspectos do noso Entroido escolar