Blog da Biblioteca do C.E.I.P. A Ponte de Lugo

BO NADAL 2015

Con este poema de Nadal de Manuel María (autor ao que se lle vai dedicar o día das letras galegas  no 2016) aproveitamos para desexar a todo o mundo un Bo Nadal


Agora é o tempo de Nadal.

Agora é o tempo de poñer
en pé o noso amor
e procurar a Estrela
que nos alume sempre o corazón

Agora é tempo de Nadal.
O tempo da neve
e máis o da canción.

¡Agora é o tempo
de acender para sempre o noso amor!

Manuel María








RECOMENDACIÓNS LECTORAS. NADAL 2015


PANXOLIÑAS POLO NADAL

É tempo de Nadal e de cantar panxoliñas. Os nenos e nenas do CEIP "A Ponte" de Lugo cantan, tocan instrumentos recitan e disfrutan xuntos

O APALPADOR NA BIBLIOTECA E NO COLE

Moito antes de que Papá Noel viñese importado desde outras latitudes, en Galiza tamén había unha figura mítica propia do Nadal: O Apalpador. Para visualizar e divulgar a súa figura, chega ao noso centro o tan divertido personaxe, para amenizar, contar contos, para recomendar lecturas, para cantar e para aprender. Esperamos que vos guste.


O APALPADOR



Este ano o Apalpador chega á biblioteca con ánimo de contar contos "Os contos do padriño". Este personaxe tan entrañable que baixa das montañas do Cebreiro cun saco cheo de castañas, tamén trae moitas historias que contar. Os nenos e nenas investigan e traballan sobre esta mítica figura que baixa a noite do 24 de decembro para apalparlles as barrigas aos máis pequenos e pequenas das casas e comprobar se comeron ben durante todo o ano, para deixarlles castañas ou algún  xoguete artesanal e desexandolles que teñan un ano cheo de felicidade e de comida. Dende a biblioteca queremos divulgar a súa figura. 




CALENDARIO MANUEL MARÍA

Xa está no centro o calendario do colectivo Estiño, dedicado  este ano a MANUEL MARÍA, que será homenaxeado no día das letras galegas en 2016. Naceu en Outeiro de Rei, Lugo. Escritor comprometido  con Galiza e co tempo que lle tocou vivir. Cultivou todos os xéneros: narrativa, teatro, ensaio, xornalismo, e sobre todo, POESÍA. Manuel María identifica o idioma galego como sinal de identidade dos galegos, loitando por normalizar a situación do noso idioma. Escribiu dous libros para nenos e nenas: "Os soños na gaiola" e "As rúas do vento ceibe". Para a elaboración do calendario traballamos con poemas dos dous libros



NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Co obxectivo de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer investigación e divulgación científica, e polo tanto, tamén para o ensino das diversas disciplinas científicas, celebramos o mes de novembro como mes da ciencia en galego. Con este motivo a Institución galega da ciencia, este ano, propón catro científicos para dedicarlle o día da ciencia en galego, dous extranxeiros: Christian Huygens e Max Planck e dous galegos: Carlos Gómez-Reino Carnota e Isidro Parga Pondal.
Desde a nosa biblioteca propoñemos a investigación e traballos sobre a obra destes catro científicos

Resultado de imagen de novembro mes da ciencia en galego


MAGOSTO

Seguimos con poesía, neste caso, traballamos de xeito colectivo co alunado de 3º curso, con motivo da celebración do magosto no centro

                  Aquí está o outono 
                  que chegou caladiño
                  con moito segredo
                  e moi paseniño.

                  Cheo de castañas está
                  o noso castiñeiro,
                  o vento sopra, sopra
                  todas caen no río

                  Chegou o magosto
                  e comemos castañas
                  crúas e cocidas
                  e tamén asadas
         








OUTONO

                  
Traballando poesía de xeito colectivo co alumnado de 2º curso

                    Folliñas secas
                    vento e frío
                    castañas, castañas,
                    moitas caen no río

                    Folliñas secas
                    que veñen e van,
                    vermellas, amarelas,
                    collidas da man

                    Folliñas secas
                    castañas e ourizos
                    o outono chega
                    con moito feitizo


EXPOSICIÓN "MULLERES PROTAGONISTAS DO DESENVOLVEMENTO"

O noso centro acolle esta semana a exposición  "MULLERES PROTAGONISTAS DO DESENVOLVEMENTO" Trátase de catro paneis que veñen acompañados de material didáctico para traballar, reflexionar e afondar na igualdade da muller e a súa independenza, cos nenos e nenas de Infantil e Primaria. Nos paneis aparecen reportaxes de proxectos de cooperación con mulleres en África. Con esta exposición preténdese promover a igualdade de xénero e a autonomía da muller, dando a coñecer a realidade da muller en diferentes ámbitos: equidade, economía, saúde e educación. Nesta mostra toman como exemplo a muller africana, elección motivada pola gravidade e vulnerabilidade da súa situación.



CORRE CORRE CABACIÑA


Polo Samaín cantamos e contamos CORRE CORRE, CABACIÑA, conto popular portugués. Relata a historia dunha velliña que de camiño ao casamento da neta, atopa un lobo, un oso e un león que a queren comer. Ela convence aos animais para que a esperen á volta do convite e, despois da celebración a neta e a velliña argallan algo moi orixinal para burlar ás feras.








CABAZAS POLO SAMAÍN


A cabaza, a raíña do outono no mes de novembro, tamén estivo presente na celebración do Samaín. Cabazas grandes e pesadas, pequenas e lixeiras, unhas laranxas, outras verdes e amarelas, todas decoradas con gran imaxinación e creatividade.   






O SAMAÍN NA BIBLIOTECA

Contos, poemas, teatro.... pero de medo, de moitísimo medo, contados, recitados e representados por monstruos, zombis, bruxas.... todo isto e moito máis, polo Samaín na nosa biblioteca








DÍA INTERNACIONAL DA BIBLIOTECA

O TERCEIRO LIBRO DE NURIA DEVESA NÚÑEZ

"O mundo da imaxinación" conxunto de 17 poemas e 10 contos, escritos por Nuria Devesa Núñez



NURIA DEVESA

"O MUNDO DA IMAXINACIÓN",  é o terceiro libro de Nuria Devesa  Núñez, despois de ter escritos dous poemarios: "La vida" e tamén  "Eu quero ter un libro así". Este terceiro libro, recolle 17 poemas e 10 contos  e seguindo na mesma liña que nos anteriores libros, as ilustracións son  feitas por ela. "O mundo da imaxinación" transmite frescura, espontaneidade, imaxinación, moita creatividade e plasma os seus sentimentos e ilusións, viaxando por mundos reais e imaxinarios que nos fan adentrarnos no seu mundo de fantasía e imaxinación.





MOCHILAS VIAXEIRAS

Xa están en marcha as mochilas viaxeiras, e para os máis pequeniños as maletiñas viaxeiras, co proxecto "Ler para medrar", actividades que permiten á biblioteca escolar o contacto coas familias, coa intención de conseguir a súa colaboración e participación na formación de lectores e lectoras. 





CONCERTO BUCÓLICO

 O martes, día 6 de outubro, estivo no noso centro, SIMÓN PIÑÓN, co seu espectáculo de música e teatro "CONCERTO BUCÓLICO", proxecto no que presenta a música tradional galega como unha experimentación na que combina sons, melodías e poemas de xeito didáctico . O alumnado familiarizase con instrumentos populares galegos, cantares de cego e diversas formas de recollida, acercandonos de forma directa  á nosa música e ás nosas tradicións





HORA DE LER

Co novo curso, iniciase, unha vez máis en todas as aulas, a HORA DE LER, coa intención de fomentar a lectura e crear hábitos lectores entre o noso alumnado que axudará a afianzar a lectura comprensiva  como competencia fundamental en todas as materias do currículo. Para completar a biblioteca de aula, as Bibliomaletas, con material da biblioteca do centro, tamén comezan a súa andaina, aportando libros de temáticas variadas, adaptados ás distintas idades do alumnado.




BENVIDA AO NOVO CURSO


A nosa mascota "Bibliótico" dá a benvida a toda a comunidade educativa . Comezamos un novo curso para fomentar, compartir, investigar, experimentar e intercambiar lecturas, moitas lecturas e moitos libros  e así disfrutar e mellorar as  habilidades lectoras do noso alumnado,  base dunha aprendizaxe de calidade.



BIBLIOTECA ESCOLAR BASE DE EXPLORACIÓNS

"BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS" é o lema elixido este curso 2015-2016 para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolares. A imaxe foi realizada polo ilustrador  de banda deseñada Fran Bueno.
Este lema, "Biblioteca escolar, base de exploracións", chama a traballar coa información e convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido.


XORNAL ESCOLAR

"A ponte Vella" o noso xornal escolar é o resultado dos traballos de investigación, as actitudes literarias, a búsqueda de información, a composición, a creatividade plástica e tamén estética dos nosos escolares; estimulando deste xeito a súa capacidade crítica e creativa  e polo tanto reforzando o interés pola aprendizaxe e os seus procesos

.




RECOMENDACIÓNS LECTORAS

Coa chegada do verán, esperamos que a maxia da lectura se multiplique e nos anime a escoller un bo libro para acompañar as nosas vacacións e sumerxirnos nas interesantes historias que nos propoñen os distintos autores. 
Aqui vos deixamos unha guía de recomendacións lectoras para todas as idades coa intención de fomentar o pracer da lectura neste cálido verán.

CONTO COLECTIVO

Este bonito conto titulado "Príncipes, cabaleiros e princesas"foi feito polos nenos e nenas de 6º de Educación Infantil: Xerión, Cristhian, Carlos, Aitor, Marco, Héctor, Iker, Diego, Candela, Borja, Antonio, Judith, Iria, José Luis, Lucía, Adrián, Uxía, Lucas, Rubén, Marta, jean Paul, martín e Laila, baixo a coordinación da súa titora Asun Marcos Mejía



FILGUEIRA VALVERDE E OS NENOS E NENAS

Os nenos e nenas de 4º de Educación Infantil aprenden, pintando un bonito maio, recolectando flores para decoralo e escoitando música galega, sobre o autor homenaxeado este ano polo día das letras galegas Xosé Fernando Filgueira Valverde. FILGUEIRA VALVERDE E OS NENOS on PhotoPeach

OBRADOIRO: EUROPA Á CARTA

Con este obradoiro, fíxose reflexionar aos nenos e nenas sobre a importancia da comida como aspecto identitario; trátase de que tomen consciencia da gastronomía propia  e que, ademais, enriquezan a súa visión co achegamento a outras culturas.  Coñeceron pratos típicos de diferentes países, por medio dunha viaxe virtual. Realizaron unha actividade plástica de composición artística, tomando como base as variedades gastronómicas  dos diferentes países


visitados.

OBRADOIRO: QONTARTE

Este obradoiro de arte para escolares está baseado no conto titulado "Se os gatos levasen botas gobernarían as ras", escrito por Raquel Saiz e ilustrado por Rashin Kheiriyeh. Os nenos e as nenas, tratarán de reproducir as técnicas de impreseión e estampación, ao igual que no libro para crear novos personaxes: bruxas, reis, gatos, ras, frautistas... Coa intención de estimular e desenvolver a expresión plástica e a creatividade , ademais de contribuir á formación dunha conciencia estética para achegar os escolares ao mundo da arte.




OBRADOIRO DE CONTOS: "COAS MANS NA MASA"

Existen moitos medios de achegarnos á cultura dun país, un deles é a través dos contos da tradición oral, a palabra en voz alta, outro é a través da gastronomía; este obradoiro serve para explorar cos nenos e nenas a relación entre literatura e gastronomía.
Baseandonos no conto "Maruxa" de Eva Mejuto e ilustracións de Mafalda Milhöes, os nenos e nenas realizaron as súas propostas plásticas a partir de masa de pan. Con fariña, auga e sal, experimentaron con formas, texturas, cores e moldearon a personaxes singualres do mundo dos contos.