Blog da Biblioteca do C.E.I.P. A Ponte de Lugo

DÍA DAS BIBLIOTECAS

Hoxe, 24 de outubro de 2017, OS LECTORES E LECTORAS recomendan os seus libros favoritos, para celebrar  o DÍA DA BIBLIOTECA co obxectivo de facer ver a importancia da Biblioteca como lugar de encontro de lectores e lectoras de todas as idades coa cultura e como instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.
Tamén realizaremos un contacontos coa temática da interculturalidade, coa intención de educar aos nenos e ás nenas nos valores da lectura e da cultura e  destacar a misión da Biblioteca como centro socializador e integrador.

DÍA DA MULLER ESCRITORA

A NOSA BIBLIOTECA

"Abre as portas e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa de liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca."
Agustín Fernández Paz




APRENDER A PENSAR COA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema escollido para o cartel que ambientará e dará base ao traballo a realizar en todas as bilbiotecas escolares galegas para este curso que acaba de comenzar 2017/2018. Foi realizado por XOSÉ TOMÁS, ilustrador e profesor.
Unha biblioteca escolar actualizada no seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións.
Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas.
Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos para desenvolver o pensamento complexo.
A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro, para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais e sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir.