Blog da Biblioteca do C.E.I.P. A Ponte de Lugo

O APALPADOR CHEGA Á BIBLIOTECA

O Apalpador chega unha vez máis á nosa biblioteca, cheo de contos, historias e cantigas. Consideramos importante recuperar as nosas tradicións galegas e transmitirllas ao noso alumnado. O Apalpador ou Pandigueiro (pola zona de Ourense) é un xigante que vive nas altas montañas, facendo carbón todo o ano para escorrentar o frío do inverno. No seu tempo libre fai xoguetes artesanais con madeira, pedra, cartón...respectuosos co medio ambiente. Na noite do Nadal baixaba das montañas e apalpaba as barriguiñas dos nenos e das nenas. Se estaban ben cheas dicía: "Así, así esteas todo o ano" e deixáballes unha presa de castañas. Para tranquilizar aos nenos e nenas, bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais e nais cantábanlles:

Mañá é día de cachela
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha mega de castañas.

Por aquela cemba
xa ben relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

0 comentarios: