Este ano celebramos Día da Paz e Non Violencia coa actividade:
O Camiño da Paz
Unha actividade simbólica e participativa para todo o centro, que relaciona os valores da paz e da non violencia co Camiño de Santiago (PDI) como espazo de encontro, diversidade e colaboración.
Obxectivos
- Reflexionar sobre a paz como un camiño que se constrúe día a día.
- Coñecer o Camiño de Santiago como símbolo de encontro entre culturas.
- Fomentar valores como o respecto, a empatía, a solidariedade e o diálogo.
- Implicar a todo o alumnado nunha acción común pola paz.
Desenvolvemento da actividade
Nas aulas falamos sobre que a PAZ e como se constrúe, achegándonos a idea clave: A Paz é un camiño que se constrúe paso a paso, igual que o Camiño de Santiago.
Na biblioteca ofrecemos unha recompilación de contos e textos para introducir ou traballar o tema da PAZ na aula.
No cole creamos un Camiño da Paz con frechas, pegadas simbólicas nas que escribimos palabras ou frases que recolleron as reflexións que fixemos nas aulas:
Cada nena/ o fixo unha Vieira da Paz con compromisos persoais para portar o 30 de xaneiro no que tiñamos previsto formar todas/os o símbolo da paz no patio. Esta actividade non se puido levar a cabo debido ao mal tempo que nos acompañou durante todo o mes de xaneiro.
Este é o noso MANIFESTO POLO DÍA DA PAZ
“Camiñamos xuntos pola Paz”
Hoxe, 30 de xaneiro,
reunímonos como comunidade educativa
para lembrar algo moi importante:
a paz é un dereito de todas as persoas
e tamén unha responsabilidade de todas e todos.
No mundo no que vivimos
hai nenas e nenos que non poden ir á escola,
que escoitan ruídos de bombas en vez de risas,
que teñen que abandonar as súas casas
por mor das guerras.
Pensamos hoxe nas persoas que sofren
os conflitos que vemos nas noticias:
en Palestina, en Ucraína, …
e noutros lugares do mundo
onde a violencia fai dano
especialmente aos máis pequenos.
Desde o CEIP A PONTE queremos dicir ben alto
que ningunha guerra é xusta,
que a violencia nunca é o camiño,
e que a PAZ comeza
co respecto, coa escoita
e coa colaboración entre os pobos.
Este ano falamos da PAZ
como un camiño,
igual que o Camiño de Santiago:
un camiño no que persoas diferentes
comparten pasos, axudan cando alguén cae
e avanzan xuntas cara a unha mesma meta.
No Camiño apréndese
que ninguén chega só,
que todas as persoas importan
e que a diversidade é unha riqueza.
Por iso hoxe comprometémonos a:
- Resolver os conflitos falando e non pegando.
- Respectar a quen pensa ou sente diferente.
- Axudar a quen o necesita.
- Coidar as palabras e os xestos.
- Ser construtores e construtoras de paz no día a día,
...
Porque a PAZ mundial comeza nas pequenas accións:
nunha aula, nun patio, nunha amizade.
Desde aquí enviamos unha mensaxe ao mundo enteiro:
queremos camiñar polo camiño da colaboración mundial,
onde os países dialoguen,
onde os pobos se respecten
e onde todos os nenos e nenas
poidan vivir sen medo.
Hoxe, como no Camiño de Santiago,
camiñamos xuntos e xuntas pola PAZ.
Paso a paso.
Man con man.
Ata que a PAZ chegue a todos os recunchos do mundo.
Feliz Día da Paz a todas e todos!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario